top of page
  • redes34

Por que falta persoal no sector primario e como podemos enfrontar ese problema?

A falla de relevo xeracional e as dificultades á hora de atopar persoal para traballar no sector produtor son unha problemática que lastra o desenvolvemento e a proxección cara ao futuro da actividade agrogandeira. Por que acontece así? Os factores que condicionan esta realidade son múltiples, e como titulares dunha explotación debemos telos en conta e incorporalos aos programas de xestión e á toma de decisións.


Algúns dos factores que lastran a sostibilidade social nas explotacións son:


  • A imitada incorporación de persoas novas ao sector (baixo relevo xeracional)


  • A falla de visualización do traballo das mulleres na explotación e a súa baixa participación na toma de decisións.


  • Déficit na xestión da man de obra nas explotacións.


  • O baixo índice de incorporación das novas tecnoloxías da información e da comunicación ao sector.


  • A necesidade dun maior achegamento dos produtores ás persoas consumidoras e dunha maior difusión das cualidades e beneficios que a actividade agrogandeira aporta á sociedade e ao medio ambiente.


  • Problemas coa seguridade do medio rural: ataques de animais salvaxes e perdas económicas asociadas.


  • Baixo nivel de formación dos traballadores: demanda dunha maior especialización en traballos específicos como o manexo dos animais e o uso de novas tecnoloxías.



A xestión dos recursos humanos para facer máis atractivo o traballo nas granxas recoñécese como unha necesidade actual, tanto para promover a incorporación de persoas novas como para atraer ao sector gandeiro man de obra formada, eficiente e que se estabilice no tempo a partir de condicións dignas e atractivas de traballo.


Garantir quendas con días libres e vacacións para todo o persoal da explotación, así como salarios acordes ás responsabilidades nunhas instalacións adecuadas e dotadas con materiais e sistemas que faciliten o traballo, minimizando a posibilidade de accidentes e lesións, é fundamental para da forma a un sector atractivo e dinámico.


Contar con protocolos de traballo normalizados e deseñar protocolos con atribucións claras que permitan que cada traballador saiba exactamente que facer e como en cada momento e situación é un aspecto que o sector produtor debe ter en conta á hora de consolidar a actividade agrogandeira como unha ocupación moderna, adaptada ás necesidades e á realidade actual e capaz de seguir avanzando e garantindo a súa rendabilidade en consonancia coas demandas sociais.


Realizar unha avaliación continua do entorno de traballo e das instalacións e funcionamento da granxa, garantir altos parámetros de benestar animal e ser capaces de producir e de transmitir ás persoas consumidoras a alta calidade e o valor engadido dos alimentos producidos son factores que gandeiras e gandeiros deben ter en conta á hora de garantir a sostibilidade social asociada á súa explotación.


Así, algúns indicadores xerais para a evolución desta sostibilidade social serían:


· Características do emprego

· Xeración de emprego

· Calidade de vida

· Calidade do traballo

· Indicadores de xénero

9 visualizaciones0 comentarios

Comentarios


bottom of page