Contratos

_MG_4486.jpg

Todas as subministracións de leite cru que teñan lugar no Reino de España dun produtor a un transformador serán obxecto de contratos escritos entre as partes. Así mesmo, no caso de que devandita subministración se realice a través dun ou máis intermediarios, cada etapa da venda será obxecto de contrato escrito entre as partes.

O contrato deberá:

a) Subscribirse antes da entrega do leite cru,

b) formalizarse por escrito, e

c) incluír, polo menos, os elementos establecidos no anexo I, que deberán ser libremente negociados e coñecidos por ambas as partes antes da firma do contrato.

 

O prezo establecido no contrato poderá ser fixo, variable ou mixto, tal e como establece o anexo I deste real decreto. No caso de establecer un prezo variable, este deberá calcularse combinando varios factores especificados no mesmo, que poden incluír indicadores de mercado que reflictan os cambios nas condicións do mercado, o volume fornecido e/ou a calidade ou composición do leite cru fornecido.

Os parámetros aos que sexa referenciado o prezo serán obxectivos, verificables, facilmente identificables e reproducibles polas partes, non manipulables e procederán de fontes públicas e accesibles, que deberán ser tamén especificadas no contrato.

En todos os casos os prezos poderán ademais axustarse en función de primas dependentes de factores como: o volume fornecido, a calidade físico-química ou hixiénico-sanitaria, ou outros parámetros.

Non poderán aplicarse bonificacións ou depreciacións sobre o prezo que non estean reflectidas no contrato.

Non se permite a existencia de contratos simultáneos entre un mesmo comprador e vendedor, de maneira que un único contrato debe conter o volume total de leite cru obxecto da transacción entre un mesmo comprador e un mesmo vendedor. No caso de que existan condicións diferentes para diferentes volumes de entregas de leite, en particular no caso de prezos diferentes, estas deberanse recoller nun mesmo contrato. No caso das producións con calidade diferenciada: produción ecolóxica, produción integrada, Denominación de Orixe Protexida (DOP), Indicación Xeográfica Protexida (IXP), ou Especialidade Tradicional Garantida ( ETX), faranse figurar diferenciadamente os volumes de leite destinados á produción de produtos lácteos amparados por figuras de calidade diferenciada dos volumes non destinados a estas producións, asociado cada un aos seus correspondentes prezos.

O contrato entre produtor e primeiro comprador poderá incluír cláusulas de repartición de valor, que determinen a maneira en que se reparten entre as partes os beneficios e as perdas comerciais derivados da evolución dos prezos de mercado dos produtos lácteos ou das materias primas.

Poderá utilizarse un modelo de contrato ou os contratos tipo establecidos na Lei 2/2000, do 7 de xaneiro, reguladora dos contratos tipo de produtos agroalimentarios, sempre que este inclúa os elementos mínimos establecidos no anexo I.

Neste caso realizaranse as consignacións requiridas no sistema unificado de información do sector lácteo ( INFOLAC) creado no Real Decreto 319/20015, do 24 de abril, sobre declaracións obrigatorias a efectuar por primeiros compradores e produtores de leite e produtos lácteos de vaca, ovella e cabra. O contrato poderá incluír, se así o acordan as partes, unha cláusula relativa á conciliación e vista previa por parte dunha Comisión de seguimento constituída no seo da Organización Interprofesional Láctea, en caso de existir diferenzas na interpretación ou execución do contrato. A Comisión de seguimento velará pola confidencialidade da información contida nos contratos, podendo delegar nunha entidade colaboradora independente e de acreditada solvencia a custodia dos contratos e dos datos confidenciais correspondentes.

 

Formalización, subrogación e rescisión do contrato

 

Deberanse asinar dous exemplares de cada contrato, quedando un orixinal en poder de cada unha das partes asinantes. Os orixinais dos contratos subscritos deberán ser conservados, polo menos, durante un período de dous anos tras a finalización do mesmo por cada unha das partes.

No caso de que o contrato inclúa unha cláusula relativa á conciliación e vista previa por parte dunha Comisión de seguimento no seo da, deberán asinarse tres orixinais do contrato, quedando o terceiro baixo a custodia da Comisión de seguimento da interprofesional láctea, a quen poderá remitirse por vía electrónica. Estas circunstancias deberán quedar reflectidas no contrato.

No caso de que a empresa compradora do leite teña a súa sede da efectiva dirección nunha comunidade autónoma diferente a aquela na que se realiza a recepción do leite, deberá realizarse unha copia adicional do contrato, que deberá manterse no establecemento de recepción. Con todo, dita copia non será necesaria no caso de que se poida acceder por vía electrónica ao orixinal do contrato almacenado nos arquivos da sede da efectiva dirección da empresa compradora.

En caso de cambio da titularidade da explotación produtora do leite obxecto de contrato, o novo titular poderá subrogarse ao contrato xa existente en vigor, se así o decide e o notifica á outra parte e esta non manifesta a súa oposición no prazo máximo de dez días hábiles.

A rescisión dun contrato de mutuo acordo antes da data de finalización incluída no mesmo deberase constatar por escrito, e ambas as partes deberán conservar a documentación xustificativa durante un prazo mínimo de dous anos desde a rescisión, documentación que poderá ser requirida pola autoridade competente.

 

Modificacións dos contratos subscritos

As condicións establecidas inicialmente no contrato poderán ser excepcionalmente modificadas mediante adendas asinadas por ambas as partes, e sempre antes da finalización do contrato que se modifica.

Non terán validez as modificacións que teñan como obxectivo cambiar as condicións iniciais do contrato relativas ao leite que xa fose entregada, nin se poderán modificar as datas de entrada en vigor ou finalización do contrato. Tampouco poderá modificarse, mediante adendas, o prezo pactado, nin o tipo de prezo (fixo, variable, mixto), nin as primas e penalizacións asociadas aos parámetros de composición e calidade do leite, no seu caso.

No caso de que antes da finalización da vixencia do contrato se esgotara a cantidade de leite correspondente ao volume pactado, unha vez aplicada a tolerancia establecida, poderá modificarse, previo acordo entre as partes, o volume mediante adendas, mantendo invariables o resto de elementos do contrato, nunha proporción que supoña como máximo unha modificación do 25 por cento do volume inicialmente acordado.

Non se considerarán válidos os contratos que inclúan emendas ou riscadas.

 

Requisitos mínimos da oferta de contrato

1. Os primeiros compradores deben presentar, con anterioridade á firma do contrato, unha oferta por escrito aos produtores que deberá:

a) Presentarse, polo menos, dous meses antes da finalización do contrato en vigor e, en caso de tratarse dunha nova relación contractual, polo menos dous meses antes do inicio das entregas de leite.

b) Formalizarse por escrito.

c) Ser identificada como tal e incluír, polo menos, a data de presentación e os elementos establecidos no anexo I, que deberán ser libremente negociados polas partes.

d) Propoñer unha duración mínima dun ano para o contrato.

2. Deberanse asinar dous exemplares de cada oferta, que serán rubricados e conservados por ambas as partes, polo menos, durante un período de dous anos tras a súa presentación.

3. O produtor poderá rexeitar a duración mínima dun ano establecida na oferta, a condición de que o faga por escrito e nun prazo máximo de 15 días hábiles.

4. No caso de que o primeiro comprador non desexe continuar coa relación contractual tras a finalización do contrato en vigor, farallo saber ao produtor por escrito cunha antelación polo menos de dous meses antes da finalización do contrato en vigor.

 

5. Non obstante, poderanse subscribir contratos entre un primeiro comprador e un produtor sen cumprir o prazo mínimo de dous meses, co acordo do produtor, e a comunicación previa por parte do primeiro comprador á comunidade autónoma competente onde se localice a explotación do produtor, nos seguintes casos excepcionais:

a) Naqueles casos en que se manteña a relación existente entre un mesmo primeiro comprador e un produtor, e o novo contrato supoña para o produtor unha mellora en relación ao volume, prezo ou duración do contrato. Para iso, deberá existir unha rescisión previa do contrato en vigor.

b) Para garantir a recollida do leite, no caso de que un primeiro comprador rescindise unilateralmente a relación cun produtor.

c) No caso de que as entregas totais anuais entre un primeiro comprador e un produtor, nun ou máis contratos, non supere o 5.000 kg.

d) En todos aqueloutros casos con carácter excepcional, aceptados e co visto e prace da autoridade competente da comunidade autónoma.

6. Nos contratos automaticamente prorrogables e indefinidos, e independentemente das condicións de renovación ou prórroga incluídas no contrato, no caso de que unha das partes desexe non prorrogar o contrato ou non continuar a relación contractual, deberá comunicarllo de forma fidedigna á outra parte con, polo menos, dous meses de antelación á data de conclusión do contrato, salvo causa de forza maior

7. Nos contratos automaticamente prorrogables, cunha duración inferior a un ano o primeiro comprador deberá realizar unha oferta de contrato por escrito ao produtor, cunha duración mínima dun ano para o contrato, previa a cada prórroga ou renovación, nos termos e especificacións establecidas neste artigo.

 

Anexo I: Datos mínimos da oferta e do contrato

1. Identificación das partes, incluíndo o código de explotación do produtor.

2. Obxecto do contrato.

3. Prezo que se pagará pola subministración, que poderá ser:

- Fixo.

- Variable e calcularse combinando varios factores establecidos no contrato, que poden incluír indicadores de mercado que reflictan os cambios nas condicións do mercado, o volume fornecido e a calidade ou composición do leite cru fornecido.

- Mixto, incluíndo unha parte fixa e outra variable.

En todos os casos os prezos poderán incluír ademais un axuste en función de primas dependentes de factores como: o volume fornecido, a calidade físico-química ou hixiénico-sanitaria, ou outros parámetros.

4. Volume en litros que debe ser fornecido: incluirase a marxe de tolerancia en porcentaxe, que non poderá ser superior ao 10 %. No caso de contratos indefinidos o volume consignado será o correspondente a un ano.

Faranse figurar diferenciadamente os volumes de leite pagados a prezos diferentes, así como os destinados á produción de produtos lácteos sometidos á figura de calidade diferenciada (produción ecolóxica, produción integrada, D.O.P., I. X. P. ou E. T. X.) dos volumes non destinados a estas producións, asociado cada un aos seus correspondentes prezos, indicando á súa vez se son fixos, variables ou mixtos.

5. Calendario de subministracións. Deberá indicarse, polo menos a frecuencia de subministración ou recollida do leite, podendo referirse por exemplo ao prazo máximo (días) post muxido.

6. Duración do contrato e data de entrada en vigor. Deberá especificarse a duración, que no caso dos contratos celebrados entre un produtor e un comprador, deberá ser como mínimo dun ano, sen prexuízo das excepcións permitidas. Admitirase un contrato de duración indefinida.

7. Condicións para a renovación, a modificación e a prórroga, no seu caso.

8. Condicións de pago: prazos e procedementos, segundo o establecido na Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais:

- Prazo: Debe indicarse o prazo máximo para o pago e os intereses aplicables en caso de demora.

- Procedemento: debe indicarse a forma de pago: transferencia, cheque, e a data na que terá lugar (por exemplo, “antes do día..…… de cada mes”).

9. Modalidades de recollida ou subministración. Segundo onde teña lugar o cambio de propiedade do leite:

  • En orixe: A recollida do leite realízase nas instalacións do subministrador.

  • En destino: O transporte do leite é tramitado polo subministrador para o seu depósito nas instalacións do comprador.

10. Regras aplicables en caso de forza maior. Indicaranse os casos de forza maior e as regras que se aplicarán neste caso.

11. Dereitos e obrigacións das partes contratantes.

12. Causas, formalización e efectos da extinción.

13. Cláusula de rescisión, no caso de contratos de duración indefinida.

 

Contrato tipo homologado

O 2 de xullo, logo da solicitude da INLAC, publicouse no BOE a Orde APA/729/2019, do 19 de xuño, pola que se homologa o contrato tipo de subministración de leite cru de vaca, que rexerá durante o período dun ano. (BOE 2 de xullo de 2019)

 

Estatísticas de contratos

Informe de situación da implantación do contratos obrigatorios elaborado polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente

vacas.jpg