Coñécese co nome de condicionalidade reforzada ás condicións medioambientais que establece a nova PAC; unha política que establece novos requisitos e endurece os xa existentes en relación ao uso de materias orgánicas como o purín e o esterco para o abonado de terras, limitando os períodos de tempo nos que estes poden verterse.
De acordo co establecido, estará prohibida a aplicación entre abril e xuño, así como entre o momento da colleita e o 1 de setembro. Limitacións que restrinxen o seu uso exclusivamente a unhas semanas antes da semente e en cobertura. Deste xeito, xurde unha problemática para as explotacións que teñen que contar con balsas de depósito para tres meses.
Debido ao disposto na nova PAC, a aplicación de puríns debe realizarse de forma localizada e é obrigatorio enterralo, quedando excluído o uso de sistemas de prato, abano e por canón.
Tal e como establece o artigo 10.3 do “Real Decreto 1051/2022, polo que se establecen normas para a nutrición sostenible nos solos agrarios”, este tipo de produtos deben ser enterrados o antes posible tras a súa aplicación, salvo no caso das excepcións indicadas no mesmo artigo: recintos nos que se practique a semente directa ou agricultura de conservación, aqueles que estean dedicados a pastos ou teñan o cultivo xa nacido, cando os puríns e outros materiais líquidos foran aplicados ao solo de forma localizada, cando se aplique material previamente compostado ou dixerido e presente un certificado analítico cun contido de nitróxeno amoniacal inferior ó 0,6 %, expresado en nitróxeno (N) respecto ao peso fresco do material ou nos recintos con pendente media superior ao 10%. Ademais, o Real Decreto 1051/2022, de 27 de decembro, non obriga a que o enterrado sexa mediante arado, sen necesidade dun volteo nin dunha labranza vertical.
Entre as obrigas do Real Decreto 1051/2022, de 27 de decembro, tamén se atopa a elaboración dun plan de abonado co obxectivo de axustar o aporte de nutrientes ás necesidades do cultivo, combinando as necesidades produtivas coa redución de emisións de amoníaco. Este plan terá que ter presentes os tempos óptimos para o aporte de nutrientes e de materia orgánica previos á semente, así como a climatoloxía. Se nunha zona concreta a práctica agronómica recomenda realizar o estercado antes do 1 de setembro, a Comunidade Autónoma pode adaptar este período.
Comments