A agricultura sostible defínese como a xestión e utilización do ecosistema agrícola dunha forma que manteña a diversidade biolóxica, a capacidade de rexeneración, a vitalidade, a produtividade e a capacidade de cumprir funcións ecolóxicas, económicas e sociais, a nivel local, nacional e mundial sen danar o ecosistema.
Ademais dos aspectos ecolóxicos, e a dimensión económica, tamén existen aspectos específicos da produción, como o benestar animal, os impactos na saúde pública e as consideracións éticas que están relacionadas coa aceptación social da produción.
A sostibilidade ambiental abrangue aspectos que van dende o impacto ambiental da produción de alimentos ata a contaminación causada polos sistemas produtivos e o manexo dos desfeitos resultantes.
A agricultura e o uso das terras de cultivo é responsable de mais do 20% das emisións de gases de efecto invernadoiro e do consumo do 70% de auga a nivel mundial.
Para falar de agricultura sostible temos que falar dunha agricultura respectuosa co medioambiente, unha agricultura rentable e unha agricultura comprometida coa sociedade e co territorio, capaz de condicionar a contorna onde se desenvolve de xeito positivo mediante a creación, por exemplo, dun nicho de emprego atractivo e con boas condicións laborais.
A definición da agricultura sostible non é algo inmutable. De acordo coas políticas agrarias da Unión Europea, os factores que inflúen na sostibilidade dos cultivos son:
Uso de insumos. Todos aqueles produtos usados na produción agrícola. Estes teñen a súa propia pegada ambiental e o seu impacto económico. Son, por exemplo, os fertilizantes e os plaguicidad, así como a enerxía necesaria.
A calidade do solo. Frear a degradación do solo supón reducir as emisións de gases de dióxido de carbono e asegurar a sostibilidade a longo prazo dos cultivos.
A contaminación atmosférica e o cambio climático. A agricultura é unha fonte importante de emisións de gases de efecto invernadoiro.
Uso da auga. A agricultura é unha actividade que xera estrés hídrico. Ademais, pode ser fonte de contaminación dos recursos hídricos derivada do uso de fertilizantes e pesticidas.
Impacto na biodiversidade. O cambio nos usos do solo ten un impacto directo na biodiversidade animal e vexetal.
Comments